loading . . . Xénero lumpen Poucas cousas hai máis esgotadoras como persoa trans que facer activismo con persoas trans con apoio familiar e cartos, porque case sempre traballan dende a idea errada de que a súa experiencia e a miña son máis ou menos iguais en tanto que persoas trans e non entenden que ser trans con familia e cartos está máis perto de ser cis con familia e cartos que de ser trans sen familia nin cartos. Supoño que pasa o mesmo coas persoas discas con cartos, as persoas racializadas con cartos ou calquera outra persoa nunha posición subalterna con cartos. No sistema capitalista no que vivimos, ter cartos (especialmente cando os cartos veñen de familia, é dicir, nacer xa con cartos) abre unha serie de portas ao longo da vida que para a xente pobre simplemente non existen. No caso das persoas trans, que é o que me toca máis de perto, ser pobre condiciona por completo a túa transición, ata o punto de facer inalcanzables cousas que muita xente considera requisitos indispensables para ser Trans-de-verdade™️.
Unha das ideas máis estendidas -tanto entre a xente cis como a trans- é que as persoas trans “veteranas” temos máis ou menos a aparencia física que desexamos porque pasamos por unha transición médica (hormonal, cirúrxica) e estética (roupa, musculación, etc) como proceso de ser aberta e felizmente trans. O que non se di en voz alta tanto como debería dicirse é que a transición médica custa cartos, e non poucos. Si, a sanidade pública cobre as terapias hormonais (ata certo punto) e algunhas ciruxías, pero non todas, e non para todas as persoas trans que as solicitan (á sanidade pública gústalle negar cirurxías ás persoas gordas para presionalas a que perdan peso). Por exemplo, un home trans pode acceder a unha mastectomía e unha histerectomía subvencionadas, pero se quere unha liposucción para masculinizar o seu corpo terá que pagar entre 3.000 e 20.000€ nunha clínica privada. A sanidade pública non cobre a rehabilitación posoperatoria, que no caso das mastectomías e mamoplastias pode ser necesaria para recupera-la mobilidade da musculatura pectoral e dorsal. Unha muller trans que queira deixar de barbear cada día terá que gastar centos de euros en elimina-lo seu pelo facial con láser, miles de euros se quere facelo tamén no corpo. Unha persoa transfeminina con alopecia androxénica ou unha persoa transmasculina con alopecia adquirida polo tratamento con testosterona terán que desembolsar entre 2.000 e 4.000€ se queren recupera-lo seu cabelo mediante implantes capilares. Servizos de logopedia, cirurxías de feminización ou masculinización facial, dietas ou entrenamento físico monitorizados por profesionais… a lista de tratamentos de pago para a afirmación de xénero é interminable, e inasumible para as persoas con baixos ou nulos ingresos.
Se deixamos de lado a transición médica e nos centramos nos cambios estéticos, as cifras baixan considerablemente: se algo “bo” ten a _fast fashion_ é que, en caso de necesidade (e sempre que non uses unha talla superior á 44), podes encher un armario básico cuns 200€, aínda que terás que substituír boa parte da túa roupa cada pouco tempo, porque a roupa barata non é barata por casualidade. Unha persoa trans con bos ingresos (ou cunha familia que a apoie economicamente) poderá renovar o seu armario en cuestión de días con roupa de calidade, que lle favoreza as partes do seu corpo que queira favorecer e lle permita sentirse máis a gusto diante do espello, pasar desapercibide (se é o que quere ou necesita), entrar polo ollo nunha entrevista de traballo… Outro tanto podemos dicir dun corte de cabelo ben feito, maquillaxe (e a técnica para usalo), cosmética, ortodoncia, etc. Conseguir e mante-la estética desexada custa cartos e tempo, dúas cousas que unha persoa que traballe por quendas facendo hamburguesas ou entregando paquetes non vai ter.
Non estou a enumera-las cousas que as persoas trans con cartos poden pagar para levar unha transición máis amable porque queira dividir ao colectivo nin nada semellante. As persoas trans xa sofremos violencias abondas como para comezar a pelexar entre nós. O que si me gustaría é que se entendese que a xente pobre tamén pode ser trans, que non é un capricho posmoderno e burgués, e que as nosas transicións de pobre non teñen nada que ver coa de Hunter Schaffer ou a de Elisabeth Duval pero son igualmente válidas e dignas e marabillosas. Gustaríame que se coñecese máis a experiencia trans das mulleres calvas, os homes con tetas e as persoas non binarias que seguen a vestir exactamente igual ca sempre porque a roupa está carísima. Gustaríame que pensásemos máis nas persoas trans que quererían mudar de nome, de xénero gramatical, de aparencia e de calzado, pero non poden arriscar o traballo precario que necesitan para paga-lo aluguer.
É marabilloso que as persoas trans non sigan relegadas a vivir nas marxes da sociedade, é marabilloso que haxa diputades trans, empresaries trans e profesoris de universidade trans. Pero es pobres trans seguimos existindo, e estamos canses de vivir nas marxes.
__________ https://fracofavor.fala.gal/2025/xenero-lumpen/