loading . . . Aberta a segunda convocatoria de Expresións de Interese para o EUniWell Champions Scheme | Universidade de Santiago de Compostela A Universidade Europea do Benestar (EUniWell) convoca a segunda convocatoria de Expresións de Interese para o EUniWell Champions Scheme para persoal investigador sénior, co obxectivo de que as persoas seleccionadas asuman un rol de liderado a curto prazo para promover a misión de EUniWell e reforzar a colaboración académica entre universidades europeas. Os EUniWell Champions recibirán un orzamento de ata 15.000 euros para desenvolver un programa de actividades de seis meses entre setembro de 2026 e xullo de 2027, aínda que non precisan ser consecutivos. Durante este período, as persoas seleccionadas realizarán estadías de mobilidade, participarán en conferencias e seminarios, desenvolverán proxectos colaborativos, elaborarán publicacións conxuntas e, entre outras posibilidades, manterán encontros con socios asociados e outros axentes externos, contribuíndo á difusión da investigación e innovación en benestar e á consolidación de redes de colaboración académica. O programa está aberto a persoal investigador sénior contratado na USC ou nalgunha das universidades integradas en EUniWell: Universität zu Köln, Università degli Studi di Firenze, Inalco, Universität Konstanz, Linnéuniversitetet, Nantes Université, Universidad de Murcia, Semmelweis Egyetem ou Warszawski Uniwersytet Medyczny. O prazo de solicitudes permanecerá aberto ata o 29 de abril ás 17:00 horas e o 22 de maio coñeceranse as persoas seleccionadas. O EUniWell Champions Scheme é un programa coordinado pola Universidade de Santiago de Compostela como parte dos cometidos do Paquete de Traballo 8 (WP8), dedicado á investigación, innovación e emprendemento responsables, e que lidera no marco do proxecto EUniWell-Weff da alianza EUniWell. Sesión informativa Está prevista unha sesión informativa en liña o 14 de abril de 2026, ás 10:30 horas, para explicar os detalles da convocatoria, o proceso de solicitude e os criterios de selección. A inscrición previa é recomendable, pero non obrigatoria. A información completa sobre a convocatoria, así como un documento de preguntas frecuentes, está dispoñible na páxina web de EUniWell. As consultas poden dirixirse ao enderezo euniwell.wp8 [at] usc.gal (euniwell[dot]wp8[at]usc[dot]gal). Resultados da primeira convocatoria dos EUniWell Champions Na primeira convocatoria, lanzada en xaneiro de 2025, seleccionáronse oito persoas que, desde xullo de 2025, actúan como embaixadoras de EUniWell. En concreto, na USC foi seleccionada a catedrática de Microbioloxía na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC, Azucena Mora, que continúa actualmente desempeñando o seu papel como EUniWell Champion. https://www.usc.gal/gl/euniwell/novas/aberta-convocatoria-expresions-interese-euniwell-champions-scheme