loading . . . Twitter e máis eu: a historia dunha despedida Para min, Twitter foi unha rede social moi querida. Entrei nela no 2008, cando conseguín o meu primeiro traballo como desenvolvedor nunha empresa en Vigo. Recordo que o meu xefe me dixera: “Crea unha conta de Twitter, que aquí movémonos moito nela”. E así o fixen.
Que gran descubrimento! De súpeto, a miña pantalla encheuse de xente coñecida: cómicos que me gustaban, músicos, actores… Axiña aprendín a ler en orde inversa, do máis recente ao máis antigo, porque non había ningunha app que gardase o punto de lectura. E de cando en vez, o clásico paxaro azul era substituído por unha balea que indicaba que o sistema estaba sobrecargado.
Naquel Twitter non había algoritmos. Só podías ler a quen seguías e ver os _trending topics_. Pero, sen dúbida, o mellor xeito de atopar xente nova era a través dos _#FollowFriday_ , que se facían cada venres. Que delicia era todo aquilo! Con que nostalxia o lembro agora.
Mirando cara atrás, tamén recordo a primeira vez que vivín unha catástrofe en tempo real grazas a Twitter: os tremores e o tsunami do Xapón no 2011. A información chegaba a través desa rede social moito antes ca por calquera outro sitio.
### A chegada do algoritmo
Todo ía de marabilla ata que, anos despois, chegou o famoso “algoritmo”. De súpeto, Twitter decidiu que sabía mellor ca min o que quería ver. Entendo que detrás desta decisión habería moitos intereses económicos, pero para min, todo cambiou a partir de aí.
As miñas interaccións caeron en picado. Deixei de recibir tantos _likes_ , tantas respostas… Aos poucos, escribir en Twitter converteuse en falarlle á nada. Perdín o interese por completo en publicar. Durante anos, seguín abrindo a app para ler, pero sen interactuar: non daba _likes_ , non retuiteaba e non publicaba.
### Fuxida e migración a Mastodon
E así chegamos ao 2022. Cando se soubo que Elon Musk mercara Twitter, a nova estremeceu a moitos. Os despedimentos masivos e a perda de moderación foron devastadores. A rede, que xa tiña moito odio, viuse invadida por grupos que cultivaban o odio e tiñan vía libre para insultar e facer o que lles petase.
Porén, esta noticia, que de primeiras parecía o final, converteuse para min nun bo comezo. Atopamos Mastodon, e houbo unha gran migración de xente que, coma min, fuxiamos daquel Twitter que xa non recoñecíamos.
E aquí, en Mastodon, redescubrín a esencia do Twitter orixinal. Non hai algoritmo, a xente conéctase en comunidades afíns, e o ambiente é moito máis colaborativo e respectuoso.
Así que, ao final, e aínda que pareza incríbel, haberá que darlle as grazas a Elon Musk. Grazas a el, moitos atopamos un novo fogar dixital que nos devolveu a nostalxia dos inicios.
Comentar en Mastodon https://roicou.gal/twitter-e-mais-eu-a-historia-dunha-despedida-31